Que é o software orgánico?
Tendo en conta as características das empresas de software, nós somos un pouco fóra do común. A través do termo ‘software orgánico’ pretendemos englobar todo aquilo que nos diferencia dos demais:
O noso produto máis coñecido, Firefox, é creado por un movemento internacional de millares de persoas, das cales só unha porcentaxe mínima son auténticos empregados.
Móvenos o noso obxectivo de promover a abertura, a innovación e a creación de oportunidades na rede máis que a obtención de beneficios ou o prezo das nosas existencias (de feito, non temos existencias).
E como organización de interese público sen fins lucrativos, entendemos o éxito en termos de construción de comunidades e mellora da calidade de vida das persoas. Cremos no poder e potencial da Internet e queremos ver como prospera para todos, independentemente do lugar.
Que é o código aberto?
Pode parecer unha loucura, mais non o é. Para nós, canta máis xente saiba o segredo, mellor.
Nós pomos ao dispor de todo o mundo o código fonte -o compoñente básico da aplicación- e animamos a que se lle bote unha ollada.
Algunhas persoas xa viron cousas para mellorar e fixeron as modificacións pertinentes. Outras tiveron ideas para novas funcionalidades e fixéronas realidade. E outras colleron o código, aplicaron as súas propias innovacións e construíron produtos impresionantes e completamente novos.
Que nos ensina isto? Sendo abertos, acontecen cousas boas. Calquera pode asomarse ao que facemos... De feito, non hai nada que o impida.
Por que nos deberíamos preocupar?
Podemos non ser unha empresa típica, mais nunca esquecemos como centrarnos no esencial: facer a rede mellor para o ususario.
Sendo abertos, a próxima idea xenial pode vir de calquera persoa do mundo, o que non se conseguiría delegando a responsabilidade só nos empregados da nosa empresa. Daquela, por que facer as cousas doutro xeito?
En última instancia, o software orgánico e o código aberto redunda nun navegador mellor para vostede e para os 150 millóns de usuarios habituais de Firefox. Redunda nun produto máis seguro e de alta calidade. Significa innovación, liberdade e manter unha Internet accesíbel a todas as persoas.